miércoles, 23 de diciembre de 2009

Almorzo de traballo con empresarios para sensibilizar da importancia de incorporar ao mercado laboral a este colectivo,do que se descoñece a súa valía




A POBOACIÓN INMIGRANTE INCORPÓRASE PROGRESIVAMENTE AO MERCADO LABORAL AÍNDA QUE SEGUEN A EXISTIR OBSTÁCULOS COMO A LINGUA, A COR OU AS COSTUMES QUE O DIFICULTA

O Centro de Desenvolvemento Local do Concello de Mos organizou un almorzo de traballo con empresarios para sensibilizar da importancia de incorporar ao mercado laboral a este colectivo, do que se descoñece a súa valía

As empresas amósanse satisfeitas nas súas experiencias e receptivas á hora da contratación de inmigrantes, pero entenden que estes tamén deben “poñer moito da súa parte”


Mos, 23 de decembro de 2009.- Co obxectivo de impulsar a integración sociolaboral dos inmigrantes extracomunitarios, o Centro de Desenvolvemento Local (CDL) de Mos vén de organizar un almorzo de traballo con empresarios do municipio e zonas limítrofes. Ao longo da xuntanza tanto os representantes das diferentes entidades como os das asociacións e fundacións deste colectivo, compartiron experiencias e intercambiaron distintos puntos de vista, todo sempre orientado á incorporación ao mercado laboral deste grupo de poboación, cada vez máis en aumento.

Gerardo Alonso, concelleiro de Formación e Emprego e director do CDL, foi o encargado de introducir a reunión, presentando a cada un dos participantes, á vez que recordaba “a importancia, cada vez maior, deste proxecto, que crece ano tras ano”. Trátase dun programa que forma parte do Proceso de integración da poboación inmigrante extracomunitaria, “a través do cal, este ano, se estivo a traballar en torno a tres eixos fundamentais: educación, emprego e muller”, sinalaba o edil.
A necesidade dun mediador intercultural e a lingua como un primeiro obstáculo

En representación do colectivo inmigrante atopábanse Lina Pérez, da Fundación Secretariado General Gitano; a presidenta de AIDA (Asociación para la Integración y Desarrollo del Africano), Hortense Ngbapai e Luisa Motta, presidenta da Asociación Madre Latina. Todas elas apuntaban a necesidade da figura do mediador intercultural, co fin de apoiar e axudar ao inmigrante en todo aquilo no que precise, “se ben é certo que o inmigrante debe poñer de si para intentar integrarse e adaptarse á nova sociedade ante a que se atopa, tamén debe sentir apoio e axuda”, remarcaba Motta.

Ademais, por outra banda, e centrándose no colectivo africano, Ngbapai sostiña que “os africanos precisamos de máis integración”. Segundo o seu punto de vista, teñen un problema de idioma, xa que dominan o inglés e o francés pero descoñecen o español, “unha desvantaxe fronte, por exemplo, aos latinos”. Deste xeito, a lingua convértese no primeiro dos obstáculos, “ao que se lle engade o feito de ser negro”. Neste senso, a presidenta de AIDA pedía que “se nos escoite e se nos dea unha oportunidade, porque temos unha cualidade que moitos non teñen, o dominio de linguas estranxeiras”. Non entanto, para a aprendizaxe do castelán, o Concello de Mos promoveu o proxecto linguasnet, “unha ferramenta de grande utilidade para todas estas persoas que descoñecen a nosa lingua”, sinalaba Alonso; www.linguasnet.com, “un portal que recibe máis de 1.000 visitas diarias”.

Gran descoñecemento da valía deste colectivo

Precisamente, a cuestión do coñecemento de idiomas “non se está a proveitar como debera ser”, explicaba Amador Ordóñez, coordinador de proxectos internacionais do IES Ribeira do Louro. Un estudo da Unión Europea revela que non se está aproveitando o potencial lingüístico dos inmigrantes, “perdéndose cartos por non ver esa riqueza da que dispoñemos”. É o caso tamén dos estudos e coñecementos non valorados, pois moitos inmigrantes formados en medicina, enxeñería ou calquera outro estudo universitario chegan ao noso país e destínano, por exemplo, á construción, cando as súas dotes están noutra destreza.

Neste sentido, resulta interesante o feito de que “programas ou institucións poidesen validar esas competencias de cada un”, sinalaba Francisco Domínguez, gerente da Asociación de Empresarios de Mos. Un proxecto, este, no que se está a traballar en España e que xa se está a desenvolver con éxito noutros países; “trátase dun sistema de recoñecemento de competencias que certifica as cualidades de cadaquén”, explicaba Ordóñez. Desta maneira, previamente recoñecidas e avaliadas as competencias, dende unha asociación como é AEMOS “podemos promocionar a dita persoa entre os nosos asociados, cando esta cumpra o perfil requerido”, subliñaba Domínguez.
Experiencias positivas por parte do empresariado

Algúns dos empresarios presentes na xuntanza expuxeron as súas experiencias con traballadores inmigrantes, prácticas todas elas, en xeral, bastante positivas, ata o punto de que nalgunhas entidades este colectivo supón o 50% do cadro de persoal, como é no caso de Sielvigo. Sielvigo é unha empresa de instalacións eléctricas na que traballan, ou traballaron xa nalgún momento, marroquíes, cubanos, uruguaios, brasileiros, colombianos, peruanos, e sempre “sen pechar as portas a ninguén”, aseguraba o responsable técnico, Eladio Galiñanes; “se nestes momentos precisáramos cubrir novos postos, non teríamos reparo algúns en contaratar a inmigrantes”, subliñaba.

César Ballesteros, membro da xunta directiva de FREPOHOS, apuntaba as diferentes actividades e cursos de formación para incorporar aos inmigrantes á hostelería, “un sector que sempre tivo unha estreita relación con este colectivo, xa que era unha saída sinxela tanto para o empresario como para o traballador, aínda sen ter cualificación. Hoxe, sen embargo, as cousas cambiaron”. Dende o punto de vista persoal, Ballesteros tamén expuxo a súa experiencia profesional no Hotel e Marisquería Bahía, onde unha cuarta parte do persoal contratado é inmigrante, “de Marrocos, sudamericanos e incluso contamos cun filipino”. Por outra banda, advertía de que “é moi perigoso xeneralizar”, á vez que tamén “é moi complexo”, por parte do empresariado, “decantarse, nunha situación igualitaria, por un inmigrante ou un nativo, a lingua, as costumes... todo é moi particular”. Nesta liña, expresábase tamén o presidente de AEMOS, José Mañas, matizando que en determinados momentos precísase dunha solución rápida e útil, “as asociacións empresariais non son organizacións caritativas, a persona que chega nova debe poñer moito da súa parte porque o empresario quere a alguén competente e que responda ante o seu posto de traballo o máis rápido posible, sexa ou non sexa inmigrante; precisa dunha persoa que cumpra o perfil que busca sen poder pararse a reparar en cuestións como a lingua”.
Proceso de integración da poboación inmigrante extracomunitaria

Teresa Estévez, técnica de migración e coordinadora deste proxecto, presentou os resultados da posta en marcha do Proceso de integración da poboación inmigrante. Facendo referencia aos tres eixes, sinalou o desenvolvemento ao longo de todo o ano do eixe emprego, no que tamén se encadra este almorzo, “unha posta en marcha sempre en colaboración coa Asociación de Empresarios de Mos, a través dun plan de emprego e inserción laboral”. Respecto do eixe educación, lembrou o programa de promoción da educación cívica intercultural, “levado a cabo nos diferentes colexios de educación infantil e primaria do municipio”, e sobre o eixe muller, destacou o taller de habilidades sociais, “no cal tamén se trataron aspectos xurídicos, de educación, sanidade e emprego”, un programa de apoio ao acceso normalizado das mulleres inmigrantes.